26 Ene
Plan de Promoción e Comercialización do Destino Turístico Costa da Morte posto en marcha pola Deputación da Coruña en outubro de 2009 conclúe esta semana na Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid con dúas citas de grande importancia.
Este mércores 20 de xaneiro terá lugar no Restaurante Sanxenxo unha pasarela gastronómica á que asistirán expertos en turismo e críticos gastronómicos de prestixio internacional e prensa especializada.
Cunha coidada escenografía e orixinal guión, no evento tratarase de amosar a gran riqueza culinaria da Costa da Morte da man de tres restauradores, así como a nosa mellor materia prima.
Fernando Agrasar, propietario de “As Garzas” en Malpica e estrela Michelín, abrirá o apetito con tres bocados de primeira: Longueiróns de Fisterra en aceite verde de cítricos, Caldiño de mariscos e peixes da Costa da Morte e Percebes do Roncudo con cachelos de Coristanco. O chef do restaurante “Combarro” en Madrid presentará, de seguido, unha Empanada de berberechos da Cabana; e Sacha Hormaechea, xefe de cociña do restaurante “Sacha”, poñerá o punto e final ao concerto culinario cunha Torta interpretada de rixóns da Laracha. Á degustación destes pratos sumarase a presentación do prestixioso Pan de Carballo.